Mostrando entradas con la etiqueta Nós. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Nós. Mostrar todas las entradas

jueves, 4 de junio de 2009

Excursión a Santiago

O día dous de xuño, "As Mariñas Lectoras" e mais "Salicornia" de Miño fomos a Santiago ver a biblioteca pública Ánxel Casal e a libraría Couceiro.

Comezamos a excursión pola visita á biblioteca. É inmensa! Ten catro plantas perfectamente ambientadas e adecuadas a cada idade.

Despois seguimos a nosa viaxe pola libraría Couceiro, onde nos ensinaron un obradoiro de restauración de libros moi interesante. Deixáronnos andar ao noso aire para escoller libros que nos gustasen para a nosa biblioteca.

Á hora de xantar fomos a un parque comer bocadillos e unhas aceitunas que nos trouxo Marisa a de Bioloxía. Cando acabamos, déronnos un plano e unhas preguntas que tiñamos que responder indo a diferentes partes de Santiago.

A ver se sabedes vós algunha:
  • Cantas habitacións ten o edificio situado no lado sur da praza de Praterías?

  • Quen é o escritor galego que goza dun banco no paseo dos leóns?

Artigo escrito por Alba Fernández e Sonia Martínez.

martes, 12 de mayo de 2009

O carteiro de Bagdad rematou a súa xornada


Nada muda en Bagdad. O balbordo dos estoupidos e dos disparos continúa neste primeiro día de muharram, o mes que inaugura un novo ano.

Así remata o libro de Marcos S. Calveiro.

Pero vós sabedes que algo si que mudou nos dous rapaces. Que foi?

A que se vos lembra a imaxe que vedes?

Que poñía nesa folla de xornal envurullada que lle foi parar á perna de Abdul?

E, por suposto, que vos pareceu o remate do libro?

martes, 21 de abril de 2009

Bagdag e as súas bibliotecas

Por que, durante séculos arrasaron coas bibliotecas de Bagdad? Por que non lles gustaban os libros aos continuos invasores?

Lembras o nome dalgún rei que promovese a construción de bibliotecas?

Aquí podes botarlle un ollo a outras bibliotecas do mundo.
Tes curiosidade acerca dos 99 nomes de Alá? Clica e poderás ler todos.
Por que camiñan tan altivos os camelos beduínos?

martes, 14 de abril de 2009

Nada muda en Bagdad.

Nada muda en Bagdad. Os meses rematan coa fin da lúa nova. Unhas noites despois, o tremelucente hilal anuncia no ceo escuro o abalo.

Soavos, non si? De que? Atreveriádesvos a dicir en que capítulo o lestes?

Abdulwahid vive nun país en guerra, sofre as súas consecuencias sen ser aínda moi consciente da gravidade da situación.
Que opinas da vida que leva o noso protagonista?

martes, 24 de marzo de 2009

O carteiro de ...Karrada?

De que vos estrañades? Así é como aparece ás veces o título de Marcos S. Calveiro cando busquedes información sobre o libro na rede.

Hoxe, Al Tholatha'a, martes, vós, que xa estades a ler a historia de Abdulwahid, sabedes por que aparece o nome de Karrada, non si?

Na contraportada do libro lemos:
Estamos en Bagdad , a cidade atravesada polo Tigris, a que aparece nos contos d'As mil e unha noites, a que hoxe resiste baixo as bombas, entre o fogo cruzado.
A xente vive esculcando o ceo, as escolas pecharon e os cativos xa que non xogan na rúa. Alleo a todo, Ibrahim reparte o correo na súa motocicleta. Leva no peto unha misteriosa carta que está decidido a entregar custe o que custe.

O autor, nunha entrevista, conta como a historia xurdiu a partir dunha nova lida no xornal: os estadounidenses entregáronlles motocicletas aos carteiros de Bagdad Tras a invasión de Irak.

Que credes que ides atopar nesta nova lectura?

martes, 10 de marzo de 2009

Deica outra, Megatoxos



Últimos capítulos da segunda entrega dos Megatoxos.

Que tal o final? Gustouvos?

Contádenos que vos pareceu. Pero lembrade que non nos podedes desvelar o final.





jueves, 5 de marzo de 2009

De contos en Miño con Tropa de trapo.

Ás dez e media saímos cara a Miño.
Chegamos na carreiriña dun can e deunos tempo para ir buscar os alumnos do CPI Castro Baxoi.
Chegamos ao centro social, sentamos, e Brais e Marta comezaron a contarnos contos.
Pero non eran só contos, fusionábanos con música e chegaban moito ao corazón.
Escoitamos relatos árabes e galegos.
Logo fixemos un obradoiro con actividades coas que rimos moito e que serviron para unirnos cos do outro colexio.
Aprendimos que a mirada é moi importante á hora de transmitir.
E, ao final, todos saímos na foto.

Artigo escrito a base de retallos das Mariñas Lectoras que hoxe fixeron a primeira, e esperamos que non a última, actividade conxunta co clube de lectura Salicornia de Miño.

Graciñas a Tropa de Trapo pola mañá tan especial que nos fixo vivir.

martes, 3 de marzo de 2009

Canteiros e constelacións


"Son marcas de canteiro! (...) Os estudosos do tema opinan que simplemente son a sinatura de cada canteiro. (...) Normalmente, cando un artesán ingresaba no gremio dos canteiros, asignábaselle un símbolo propio. Habíaos moi variados; letras, números, cruces, animais, figuras xeométricas, até símbolos de alquimia."

Para que servían estas marcas?
Lembras o que Lúa nos conta delas?
Se queres máis información sobre os canteiros visita esta páxina, e para saberdes algo máis dos nosos oficios tradicionais pídenos algún destes libros á biblioteca.
Cal é a túa constelación? Atoparás todo o univereso na CDU 52, Astronomía.

martes, 17 de febrero de 2009

Templarios e Megatoxos

Este lugar non é un mosteiro como outros que poidades coñecer. No exterior parece un edificio dedicado a labores relixiosos, pero non é así. Os monxes comparten este edificio cos cabaleiros da nosa orde. Eles non son soamente monxes, nin nós uns típicos guerreiros descerebrados. O fundamental neste edificio é a salvagarda da cultura e da civilización humana. Monxes e cabaleiros unimos esforzos nesa única dirección. Pensamos que hai que loitar usando a cabeza e a palabra, pero non descartamos o uso da forza. Por iso imos armados e somos adestrados como guerreiros.
Quen está a falar?

Aquí tedes algúns enlaces para saberdes máis dos cabaleiros templarios, mitos, lendas, regras da orde, os templarios en España e en Galiza, como era a súa vestimenta, galería de imaxes, vídeos en YouTube...
Que sabedes vós dos Templarios?
Algunha película onde aparecen?
Algún outro libro?

martes, 10 de febrero de 2009

Teseo, Minotauro, códices...

No capítulo de hoxe aparecen uns personaxes que tal vez non coñezades:

Pasoulle entón pola cabeza a historia de Teseo, onde o heroe mitolóxico, para non perderse no labririnto do Minotauro, utilizaba un fío a modo de guía sinalizando o camiño.

Quen lle deu ese fío? Para saberdes algo máis deste heroe e da muller que o axudou a saír do labirinto, clicade aquí, ou tamén, rebuscade na CDU 29 MITOLOXÍA, atoparedes historias fascinantes dos deuses e heroes gregos e romanos.

Pero volvamos aos nosos Megatoxos.

Ruxe atopou nun códice a miniatura que tedes á dereita:

Quen son os que aparecen na imaxe?

Que inscrición tiña embaixo?

Que che lembran esas palabras?

martes, 3 de febrero de 2009

Os Megatoxos na Idade Media

Parece que por fin os catro amigos volven viaxar no tempo.
Pero, non vos intriga o xeito de actuar do profesor Burela?
Que fixo?

Volvamos á viaxe. Cantos séculos retroceden?

Unha pista:
"Nas diapositivas observábanse algúns exemplos de mosteiros dos séculos .................... enclavados en incríbeis paisaxes galegas. A pesar do aspecto fortificado, estes lugares servían para a meditación, a oración, e o estudo. Acadando algúns grande sona como eixos culturais. Nestes edificios os monxes desenvolvían toda a súa existencia, tendo cada un o seu posto nestas comunidades autosuficientes"

Coñeces algún mosteiro galego?

martes, 27 de enero de 2009

Os Megatoxos e a espada esmeralda.

Comeza un novo ano escolar para os nosos heroes.

Desta volta os Megatoxos viaxarán á Idade Media na procura dunha solución para a súa mutación xenética. Alí atoparán un mosteiro onde nada é o que parece.
Lemos na contraportada: "Nesta nova aventura, deberán medir a súa intelixencia e valor entre códices medievais, nunha biblioteca chea de enigmas e perigos, situación que porá en xogo a súa amizade".
De verdade credes que correrá perigo a mizade entre os nosos catro amigos?

Pero non adiantemos acontecementos. Hoxe comentaremos os primeiros capítulos.

Por que credes que teñen que adestrar os Megatoxos?
Que aconteceu na primeira sesión de adestramento?
Fixádevos nas ilustracións de Anxo Fariña. Seguro que vos serven de pista.

martes, 20 de enero de 2009

Non puido ser!

Ao igual que en moitos dos institutos de Galiza, no IES "As Mariñas" hoxe notouse a falta do alumnado por mor do tempo.

A mágoa foi que Anxo Fariña, o autor dos Megatoxos, ía vir facernos unha visita ás "Mariñas Lectoras" e tivemos que cancelala.
Ei! Non vaiades pensar que xa non vai vir. Non vos preocupedes: en canto se poida, terémolo connosco.

lunes, 12 de enero de 2009

Os Megatoxos despídense dos celtas.

"Alí estaba diante de todos eles. Agora formado por fume, en vez de auga, mais non había dúbida, era Drunxel. Por algún motivo non acabaran con el, simplemente mudara de forma".
Así comeza o último anaco que temos que ler para mañá.

No remate do libro será moi importante que coñezades os diferentes estados da materia. Por que?
Menos mal que os nosos amigos tiñan ben estudado ese tema.

Que che pareceu o final do libro? Como pensabas que ía rematar?

Deica outra lectura, Megatoxos!

martes, 16 de diciembre de 2008

Festa rachada para os Megatoxos.


Logo da derrota de Drunxel os habitantes do poboado de Gael agradecéronlles aos "Deuses Megatoxos" a súa fazaña. Como o fixeron?


Pero esa tarde non todo era preparativos. Mentres Ruxe e Faísca durmían, Lúa e Ninfa fixeron un percorrido polo poboado cun guía moi especial.
Que aconteceu durante a visita?

Que credes que pasará nos dous últimos capítulos?

martes, 9 de diciembre de 2008

Celtas e diaños.


Un novo personaxe entra en acción: Gael, o aprendiz de druída.
Gael vive nun poboado celta. Oseu xefe, o druída, tivo que ausentarse e, obrigado pola necesidade, o aprendiz tivo que demostrar as súas artes para a elaboración de apócemas. Pero algo saíu mal e ...

Que foi o que pasou?

Cres que Drunxel foi aniquilado para sempre?

Se queredes saber algo máis dos nosos devanceiros celtas atoparedes información na biblioteca.

martes, 2 de diciembre de 2008

As Mariñas lectoras do primeiro ciclo da ESO opinan:

Hoxe preguntámosvos acerca da vosa experiencia do ano pasado no clube, e para os que empezastes este ano, que nos contásedes que vos parece.
Aí van algunhas das vosas impresións:

Por que vos anotastes no clube de lectura?
– Porque unha rapaza que xa se anotou o ano pasado propúxomo e a min pareceume divertido, porque me encanta ler.
– Porque me pareceu moi interesante e tiña curiosidade por saber o que se fai nun clube xa que nunca tiven un.

Que foi o que máis vos gustou?
– Cando veu o escritor Gonzalo Moure, e tamén cando fomos de excursión á Coruña para mercar libros.
– O saber que lemos libros tan fantásticos.

E o que menos?
– Ter que ler os libros cando teño que estudar para os exames.
– Que somos poucos no clube de lectura.

Cambiou o voso xeito de ler, de enfrontarvos aos libros, de ver a lectura?
– Si que cambiou porque agora vexo os libros máis interesantes.
– Si que cambiou porque agora leo todo tipo de libros.
– Si, porque me dou conta da importancia que ten a lectura porque descobres cousas e aprendes moito, porque nos libros vén todo.

Que vos parece a relación que mantedes entre os membros do clube?
– Moi boa e tamén me relaciono con outras persoas que case non coñecía.
– Paréceme boa porque coñezo xente nova que non pensei que fose tan simpática.

lunes, 24 de noviembre de 2008

Os Megatoxos inician a viaxe.

Na reunión de mañá xa nos contaredes algo máis de Faísca, Ruxe, Lúa e Ninfa.

Que había na furna que lles escachou?

Que lle aconteceu a Faísca na praia diante dunhas mozas en biquini?

Por que os espectadores do cinema saltaban (no sentido literal) nas súas butacas?

Que lle pasou a Lúa mentres lía unha poesía na clase?

Por que hai un laborario secreto embaixo do instituto?

E que dicides dun toxo modificado xeneticamente que se pode teletransportar?

Mañá seremos quen de desvelar todos estes interrogantes, non si?

domingo, 16 de noviembre de 2008

Os Megatoxos.


Non, non son uns toxos xigantescos.

Vós ben sabedes de quen imos falar, non si? Mellor dito, ben sabedes sobre quen imos ler.

Por que non nolo contades?

  • Que é iso dos Megatoxos?
  • Quen son os Megatoxos?
  • Coñeciades a Anxo Fariña?

Este martes temos a segunda reunión das Mariñas Lectoras do primeiro ciclo da ESO. Falaremos de todo isto e de moito máis.

miércoles, 5 de noviembre de 2008

Comeza a conta atrás...

Siiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii! Vaaaaaaaaaaaaaale! Tedes razón. Xa vai sendo hora de que comecen a funcionar os clubes de lectura.

Vides pola biblioteca: o primeiro, hai que dicilo, foi Daniel. Despois fostes vindo todos e todas: Noelia, Cristina, Eva, Paula, Zanobi, Alba, Sonia ...; chegabades aos poucos, como un goteo interminable que acaba por erosionar a rocha máis dura.

Nos recreos, nos momentos que vos quedan logo do xantar dos martes, nas escapadas entre clase e clase para devolver algún libro, viñades onda nós co eterno retrouso: Cando comezamos cos clubes de lectura?

Pois ben, xa queda apalabrado. Vemónos a vindeira semana.