martes, 26 de mayo de 2009

Anxo Fariña coas Mariñas Lectoras.

A quen vos lembra este debuxo?

Efectivamente, un dos Megatoxos.

Aquí tedes a dedicatoria que nos deixou Anxo Fariña. Si, desta vez tivemos a sorte de contar co creador de Lúa, Ruxe, Ninfa e Faísca.

Con moito agarimo para "As Mariñas", podemos ler ao lado do debuxo. Ilustración + texto, como a el lle gusta, lembrades?

Que credes que nos quere dicir este personaxe? Como nos contou o Anxo: "Hai unha historia dentro de calquera cousa".

Por certo, lembrades cantas historias cabían nunha botella de auga?

E que me dicides da súa opinión ante a pregunta que lle fixestes sobre se prefería o cine ou a lectura? El comentou que o cine lle gustaba moito polo protagonismo da imaxe pero que, de ir á praia, ou a camiñar, como a el lle gusta, malia os DVDs portátiles, el sempre levaría un libro "porque a un libro non se lle acaba nunca a batería".

Agardamos arelantes a terceira entrega dos Megatoxos¡ e, mentres tanto, gozade con este quebracabezas


martes, 12 de mayo de 2009

O carteiro de Bagdad rematou a súa xornada


Nada muda en Bagdad. O balbordo dos estoupidos e dos disparos continúa neste primeiro día de muharram, o mes que inaugura un novo ano.

Así remata o libro de Marcos S. Calveiro.

Pero vós sabedes que algo si que mudou nos dous rapaces. Que foi?

A que se vos lembra a imaxe que vedes?

Que poñía nesa folla de xornal envurullada que lle foi parar á perna de Abdul?

E, por suposto, que vos pareceu o remate do libro?

martes, 5 de mayo de 2009

El baile

Imos botar unha peza? Estarédesvos preguntando ao fío do título deste artigo.

Pois non botar, pero si ler un pequeno relato da autora Irène Némirovsky que leva por título: El baile.


Para sacarlle o mellor partido á lectura é importante coñecer a vida da autora, a súa relación coa nai, o estrato social ao que pertencía, as súas inquietudes e como foi descuberta como escritora anos despois da súa morte.


Por iso é conveniente que leades o enlace de enriba, ou outras páxinas que vós atopedes, para unha primeira reunión do clube de lectura de As Mariñas Lectoras II onde, ademais de falar de Irène Némirovsky, repartiremos os libros.



E se nos vemos este venres á hora do recreo? Mañá falamos.