lunes, 31 de marzo de 2008

Un anxo na nosa biblioteca




Gonzalo Moure veunos visitar . Vós xa o coñeciades porque o autor, sen pretendelo, deixa moito del nos seus escritos. Pero hoxe falastes con el de libros (dos seus, dos da súa mocidade, dos dos seus amigos), do Sáhara, de Caramelo, do Risón, de cabalos, dos estudos, de traballos, da vivencia oceánica na escrita, de anxos que gustan das bibliotecas... E agasallounos con palabras como estas: Lembrades?

“Ler fainos máis libres”.
“Ler fainos sufrir”.
“O erro é pensar que as riquezas son as cousas”.
“O libro realmente importante na carreira dun autor é o inicialmente máis inútil. Pensemos no Principiño de Saint Éxupery”.
“Para escribir un libro hai que espirse”.
El dedicounos Son un cabalo, e nós, agasallámolo con Palabras de Caramelo e A noite d'O Risón; seus propios libros, si, pero de seguro que agora lle serán, se cadra, un bocadiño máis especiais, pois vós tamén escribistes neles as vosas propias dedicatorias.

Gonzalo Moure fálanos da súa visita a nosa biblioteca

domingo, 30 de marzo de 2008

Finis Mundi

“As Mariñas lectoras II” ( 3º e 4º da ESO) trasladaranse esta semana ao ano 997 coa intención de iniciar un percorrido por boa parte de Europa para atopar e reunir os tres amuletos máxicos que poden adiar 1000 anos a chegada da fin do mundo.

Pero nesta viaxe non irán sos. Acompáñaos Michel, un xove monxe de 14 anos; Mattius, un xograr cínico e aventureiro; e Sirius o fiel can de Mattius.

Parece que con “Finis Mundi” de Laura Gallego está asegurado o misterio e a aventura.

O vindeiro martes comezaremos co reparto de libros e atoparémonos ao final de: “El eje del Presente”, “El eje del Futuro” e “El eje del Pasado”.

lunes, 10 de marzo de 2008

E ti, quen es?

Este martes, as Mariñas Lectoras do primeiro ciclo leredes o libro Son un cabalo de Gonzalo Moure. Cada unha un pedazo.
Neste caso teredes un narrador diferente, o propio cabalo, protagonista e contador da historia.
Que vos pareceu o libro? Distinto, non si?
Pensade no esforzo de Gonzalo Moure para poñerse na pel do animal. Credes que está ben lograda a caracterización?
E vós, Mariñas Lectoras? Como fariades?
Pensa nese animal que tanto che gusta, que quizás vive contigo. Ponte na súa pel. Procuraremos que sexan todos diferentes, vale? Escribide como sería a vosa vida, que sentides, como vedes os humanos, que vos gusta e que vos desgusta de nós...
Á volta das vacacións leremos os vosos “Son un / unha... ".